Joan Fuster, considerado como o ensaísta catalán máis importante do século XX, é autor dunha ampla obra que constitúe unha das creacións intelectuais máis suxestivas non só da literatura catalá, senón do noso tempo. Ademais de ensaísta, foi historiador e un importante crítico literario, malia, como el afirmaba, non ser un especialista, e un excelente, suxestivo e provocador articulista. O núcleo central da súa obra sitúase na tradición do humanismo moral clásico, de maneira preferente dos moralistas franceses, de Montaigne á Ilustración, sen esquecermos nomes como Karl Marx, Antonio Gramsci, Eugeni d’Ors, Josep Pla...
Sarcástico, irónico, escéptico, pesimista, dono dun estilo propio que sempre intenta atrapar ao lector, a importancia da obra de Fuster, alén das súas dimensións e a súa importancia políticas, radica na súa modernidade, na ruptura co peso que a tradición –e os seus valores morais, mesmo en termos estéticos– continuaba na ter en xeral na cultura catalá, e na formulación dos problemas capitais da sociedade contemporánea. A súa obra, como afirma Gustau Muñoz, «é a semente dunha liberación que se quería completa: democracia radical, recoñecemento das nacións sen estado, dereitos individuais sen limitacións. Obra que continúa aínda a ser incómoda, talvez hoxe máis que nunca, porque pon sobre a mesa as contradicións da sociedade valenciana, da sociedade catalá, da sociedade española».
Con esta escolma de artigos e ensaios, Edicións Laiovento quere render homenaxe ao escritor valenciano ao se cumprir os cen anos do seu nacemento